CONVOCATORIA CARTOGRAFÍA EN MOVEMENTO X

O salvaxe volve ás rúas. Despois de dous anos difíciles, onde tamén se viu afectada a nosa capacidade de encontro, o Festival Cartografía en Movemento chega á súa décima edición con ganas de danzar, de cantar, de darlle a volta ao espazo, de recuperar os camiños inesperados e salvaxes que as artes traen consigo. 

Dez anos levamos mudando os espazos da cidade, facendo deles lugares bailables, escenarios teatrais, recantos cheos de poesía ou puntos de intervención plástica ou performativa. Eses espazos -transitados ou non; céntricos ou periféricos; prazas, recunchos, calellas ou rotondas-, interpelados como lugares de intervención artística, forman cada ano un itinerario que quere cambiar as inercias do espazo urbano e introducir nel inesperado, o asombro, o salvaxe.

Os vindeiros 23 e 24 de outubro queremos cambiar de novo o mapa da cidade, bailalo, pintalo, dicilo doutro modo, facelo saír de si. Invitámosvos, para a xornada do 24, A alma de Cartografía, a ser salvaxes connosco, a facer voso algún espazo da cidade, a medir co corpo a auga da fonte, chamar á porta dos muros encalados, ler cartas de amor ridículas ou inventar posturas para durmir nun banco. Calquera linguaxe artística é válida para presentar unha peza breve (de non máis de 15 minutos) que sexa froito dese encontro co lugar. E deste encontro, á súa vez, xurdirán outros coas persoas que nos atopen, que nos sorprendan ou que nos acompañen cun mapa na man. Xuntas, artistas e espazos, observadores e itinerarios, danzaremos,  seremos salvaxes.

Todo o mundo é benvido, así que, sexas amateur, profesional ou curiosa animámoste a cartografar o salvaxe da cidade e a sucar os seus espazos co teu corpo.

A participación en Cartografía en Movemento non ten ningunha retribución económica. Cada artista/grupo poderá facer uso dun equipo de son. Podemos ofrecer unha pequena axuda para os desprazamentos para aquelas persoas que vos acheguedes dende fóra de Lugo e todasas participantes estarán convidadas a un xantar. 

A data límite de recepción de propostas será o día 15 de outubro

No caso de que as recibidas superen o número posible programable, acoutarase o número seguindo a orde de inscrición.

Envíanos o teu proxecto enchendo o formulario que se enlaza a continuación: https://docs.google.com/forms/d/13ZeejpaO5WtEslAiTNTPGmAyG72j-Vm6e9lsZ93AGCo/viewform?edit_requested=true

Se tes algunha dúbida contacta connosco a través do mail da asociación: info3monos@gmail.com

Anímate a participar e vén celebrar connosco X anos de Cartografía! De paixón, de xaropes, de ximnastas, de xúbilo, de xogo, de cóxegas, de xílgaros, de xabaríns, de xestas, de toxos e de todas as xes como liñas que se xuntan.

3Monos estamos especialmente felices este ano por poder ter ao noso lado na organización aos marabillosos Colectivo Glovo e un ano máis contamos coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

‘SET’ de Paula Quintas

‘SET’ é unha peza multidisciplinar onde a danza contemporánea e a música en directo xogan nun espacio compartido.
Novos comportamentos e cinética social onde a protección é invisible como mediadora da distancia social.
A través da tecnoloxía e os límites sociais ‘SET’ propón un xogo interactivo sen contacto.
Playing experience!

SET’ de Paula Quintas poderá verse dentro da sección +cartografía o domingo de 13:00 a 14:00 xunto coa peza de Rebeca Carrera, ‘In the middle of the night’.

+INFO

RESERVA DE ENTRADAS NO 010 OU QUINCE MINUTOS ANTES NO LUGAR DA ACTUACIÓN

AFORO: 60 PERSOAS

Participa na experiencia colectiva “A alma de Cartografía”

Sábado 31, 19:00: A alma de Cartografía.
Como? Como mantemos a alma de Cartografía hoxe? Como mantemos a alma de Cartografía nun único lugar? Como a mantemos se temos que estar a distancia? Como? Como? Como?
Isto non é unha actuación, é unha proposta para unha experiencia. Non hai público nin hai intérpretes, só un espazo compartido. Cada un ve o que quere, ou o que pode dependendo de onde estea o seu espazo. É unha experiencia anónima. Mesmo nesta situación na que nos atopamos, podemos achar espazos de liberdade e decisión.
Que como mantemos a alma de Cartografía? Pois mantémola se te achegas connosco a vivir esa experiencia colectiva que terá lugar un día (o sábado 31) a unha hora (19:00) nun espazo compartido da cidade (os baixos da praza de Abastos). Porque esa é -estarmos xuntos, cos nosos corpos, na cidade- a esencia, a alma de Cartogafía.
Dende 3 monos propoñemos vivir unha experiencia participativa nun espazo seguro no que o movemento, a liberdade e a capacidade de decisión -moverse, mirar a un lado ou a outro, estar quedo, dar as costas ou saltar- serán os elementos que nos permitan cartografar a cidade este ano.
Se queres participar nesta experiencia enche o formulario que presentamos a continuación, xa que o número de participantes está limitado por aforo. Anímate a ser parte de Cartografía 2020 e #nunca deixes de bailar!
https://forms.gle/Xu3GUvHjfeY922DU7

Presentación do libro ‘O público está aquí’ de Sabela Mendoza

Sabela Mendoza presenta o volume O público está aquí o venres 30 na Casa do Saber, ás 19.00 horas. Para reservar entrada escribir un correo a cultura.lugo@usc.es co nome completo ( aforo limitado a 20/30 persoas)

‘O público está aquí’ recolle un traballo de investigación e de escrita arredor do público e a escena, propoñendo unha dobre lectura, entre a teoría e a práctica: por un lado un ensaio poético, por outro lado unha conferencia performativa. Dúas aproximacións ao espazo que ocupa o espectador nas artes vivas contemporáneas, as pautas que guían a súa participación e os xestos e accións que determinan a mirada.

Estas reflexións sobre o público discorren en paralelo a outras asociadas á construción da participación democrática, na procura dunha resignificación que supere a suficiencia das fórmulas e mecanismos. “Cara onde estamos mirando? Aínda podo ver?” son algunhas das cuestións que lanza o texto, inspiradas naquelas producións artísticas actuais que non podemos ver porque foron interrompidas ou desprazadas, e propoñendo un exercicio de desvío da mirada: “a danza é o presente máis intenso que coñezo”.

Sabela Mendoza (Santiago de Compostela, 1984) é investigadora e xestora cultural. O seu traballo está centrado nas artes escénicas e a creación contemporánea, especialmente no estudo da danza. Licenciada en Dereito (Universidade de Vigo), Máster en xestión cultural (UC3M) e Máster en práctica escénica e cultura visual (UCLM). Comeza a traballar como coordinadora de proxectos culturais no 2008 en Madrid, en institucións como a Residencia de Estudiantes ou a empresa i con i, na que dirixiu o Festival Ilustratour. Como profesional independente ten traballado como curadora, asesora ou xestora con Hablar en Arte, Teatro Pradillo, Consultarte, Colectivo RPM, Proxecta ou Curtocircuíto, entre outras. Desde 2016 reside en Galicia, onde tamén colabora co coreógrafo Javier Martín e coordina o Taller de público(s) no TRCDanza. No 2016 estrea a performance O público está aquí, presentada en Madrid, Montevideo, México e Galicia. Recentemente pon en marcha De corpos presentes, plataforma galega para as artes performativas contemporáneas. Escribe sobre danza en revistas e no seu blogue acuerpodebaile.com.

Textos extraídos de Estraperlo Editora

2017: VI Edición Cartografía en Movemento (Coloreando a Cidade)

Na edición do ano 2017 coloreamos a cidade ao son da marabillosa canción “A Vida” de Maya Solovéy. Tivemos, nin máis nin menos que, 4 xornadas de Cartografía.

Na primeira delas mostrouse na praza de Santa María un proxecto pedagóxico que se levou a cabo nun centro educativo da cidade englobando corpo, literatura e filosofía, tendo sempre presente que a educación é un dos piares fundamentais para construír unha cidadanía libre.

A segunda xornada estivo dedicada á sempre inspiradora bailarina e coreógrafa alemá Pina Bausch, participamos cun vídeo dende a muralla no proxecto mundial “The Nelken Line” lanzado pola propia fundación.

Nese ano na xornada que é a alma de Cartografía camiñamos descalzas cos ollos vendados, pero cun obxectivo moi claro agudizando todos os nosos sentidos, tendeuse a roupa na rúa e con ela linda poesía, coñecimos historias de mulleres loitadoras que teñen as mans na terra, bailamos libres, fixemos música en directo, cantamos melodías de outros mundos…

E aínda tivemos unha xornada máis para poñer o broche a esta edición tan diversa, en Vilar de Donas – Palas de Rei gracias ao proxecto galego CompliCIDADES, no que fomos privilexiados de desfrutar de grandes e riquiños artistas nun enclave único.

https://cartografiaenmovemento.com/cartografia-2017/

2016: V Edición Cartografía en Movemento (Ensoñamentos)

Nesta edición xa sentimos que Cartografía ten vida propia e que flúe de maneira máxica.

Sempre foi unha oportunidade para reivindicar o que xa é noso, pero que nos queren arrebatar… a rúa, a ilusión… porque o que queremos é unha cidade máis xusta, máis humana e chea de arte!

Este ano soñamos que durmíamos libres na rúa para o que redactamos un Manifesto polo sono público (que podes asinar aquí: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScic6RhbuD1cqyfNercU1-1i5I-qfByestSHgfl3Wd9bPhRlA/viewform )

Fomos espectadores de historias familiares de emoción infinita, descubrimos personaxes inesperados en descampados abandonados, lagartijas con mensaxe, coreografías incribles que nos contaxian de enerxía, música e voces marabillosas en directo, teatro…

Un festival inclusivo e diverso de tod@ e para tod@s… Nunca soñamos mellor 5º aniversario!

https://cartografiaenmovemento.com/cartografia-2016/

2015: IV Edición Cartografía en Movemento (Movendo Montañas)

Foi unha das edicións máis numerosas en canto a propostas recibidas, chegaron de varios puntos da comunidade e incluso de fóra.

Este ano descubrimos dunha maneira fermosísima que tódalas cartas de amor son ridículas e así, sen darnos conta, vimos como aumentaba o número de “Monas”, encaixando de maneira máxica como se dende sempre formáramos un todo.

Redescubrimos recunchos da cidade nos que nunca repararamos, paredes con graffitis, enclaves do parque Rosalía, que non nos deixa de sorprender, asistimos a nacementos de grupos musicais que logo formarían parte da comunidade artística habitual da cidade… Atardeceres máxicos…

E para poñer o broche, nesta ocasión desfrutamos da participante máis pequena de todas as edicións, que tan só cuns mesiños mostrou, a través do amor da súa nai, o fermoso de “Ser” en esencia…

https://cartografiaenmovemento.com/cartografia-2014/

2014: III Edición Cartografía en Movemento (Correspondencias)

Con esta edición xa empezamos a sentir o mes de Setembro como o mes natural de Cartografía… O amarelo, a cor vibrante e luminosa, foi a que estivo presente tanto no deseño deste ano coma nas intencións dos participantes… Xa que sacaron todo o brillo do seu interior para iluminar a rúa a través de exposicións de fotografía itinerantes, bailes swing, acrobacias, historias do pasado… e por suposto música en directo, teatro e danza. Persoas de tódalas idades, amateurs e profesionais, en soidade ou en grupo… A idea é encher a cidade de Vida!

Os emprazamentos elixidos fixeron desa edición unha constelación ben chula… a que vos recorda?? https://cartografiaenmovemento.com/cartografia-2015/

Danzar o espazo, crear cidade

No mes de Abril do 2019 fomos convidados pola asociación Lugo sen Mordazas para dar unha conferencia falando sobre a nosa experiencia na organización do Festival Cartografía en movemento. Como parte desa conferencia grabamos un vídeo donde se mezclaban imaxes das pasadas edicións de Cartografía en movemento coa reflexión da nosa compañeira Nieves Neira sobre o que se debe e non se debe facer na rúa. Neste vídeo extraimos as partes que falaban exclusivamente sobre Cartografía. Esperamos que vos guste e que nos acompañedes os días 26,27 e 28 de setembro creando cidade.

2013: II Edición Cartografía en Movemento (Cidade Nómada)

Seguimos botando unha mirada atrás na historia de Cartografía. Hoxe tócalle a quenda á II Edición no ano 2013, no que tivemos a oportunidade de cazar nubes, atravesar portas, descubrir novas historias con personaxes entrañables, tivemos música en directo… Bailamos e gozamos xuntas… A cidadanía contaxiouse deste entusiasmo e foron moit@s @s que se animaron a unirse as nosas tolemias…

Sucedeu todo no mes de Xuño e rematou a edición cunha segunda xornada no Courel onde arte e natureza puidéronse mesturar de maneira máxica.

Aquí vos deixamos a linda constelación que se formou e tamén podedes ver as fotos da II edición 2013 no seguinte enlace: https://cartografiaenmovemento.com/cartografia-2013/

Recordade que o 26, 27 e 28 de setembro 2019 temos unha nova cita!

%d bloggers like this: