Convocatoria

2019_Constelando a cidade

Achégase un ano máis a celebración do festival de artes escénicas Cartografía en Movemento, na nova edición “constelando a cidade”.
Levamos sete anos tomando diversos espazos da cidade e converténdoos en lugares bailables, en escenarios teatrais, en recantos cheos de poesía, en puntos de intervención plástica ou performativa. Eses espazos -transitados ou non; céntricos ou periféricos; prazas, recunchos, calellos ou rotondas-, interpelados como lugares de intervención artística, forman cada ano un itinerario que, cartografado, fai emerxer  en cada edición do festival unha constelación.


Os vindeiros 27 e 28 de setembro trataremos de debuxar a nova constelación desta VIII edición de Cartografía. Invitámosvos, pois, a emprender unha viaxe, a procurar unha descuberta iniciando un diálogo con algún espazo da cidade. Calquera linguaxe artística é válida para construir unha peza breve (de non máis de 15 minutos) que sexa froito dese encontro co lugar. E deste encontro, á súa vez, xurdirán outros coas persoas que nos atopen, que nos sorprendan ou que nos acompañen cun mapa na man. Xuntos, artistas e espazos, observadores e itinerarios, formaremos parte dun todo que nos trascende, crearemos unha figura inscrita na xeografía física e humana da cidade. Persoas e espazos seremos as estrelas que, postas en relación, dan sentido á forma que emerxe nunha constelación.


Todo o mundo é benvido, así que sexas amateur, profesional ou transeúnte animámoste a cartografar a nebulosa da cidade e a surcar os seus espazos co teu corpo.

A participación en Cartografía en Movemento non ten ningunha retribución económica. Cada artista/grupo poderá facer uso dun equipo de son. Podemos ofrecer unha pequena axuda para os desprazamentos (ata un máximo de 50 euros por peza) para aquelas persoas que vos acheguedes dende fóra de Lugo e todos os participantes estarán convidados a unha cea fin de festa.

A data límite de recepción de propostas será o día 13 de setembro.

No caso de que as recibidas superen o número posible programable, acoutarase o número seguindo a orde de inscrición.

Envíanos o teu proxecto enchendo o formulario que se enlaza a continuación: https://docs.google.com/forms/d/18GAGUW5BbvfyM24XAzBrtUyZ-7mmbgv17P2tupVqKnw
 

Se tes algunha dúbida contacta connosco a través do mail da asociación: info3monos@gmail.com

Anímate a participar e axúdanos a descubrir a constelación de Cartografía 2019!