Xogando con C

O interior da Estación de Autobuses é un dos nosos espazos favoritos da cidade. Alí terá lugar a peza Xogando con C ás 17.00 horas da xornada do sábado, e a cargo do grupo Elas. Xogar para aprender, para explorar(se). Xogar para ser, contigo e comigo. Xogar para vivir. Esas son as súas premisas.

Electrónica e audiovisuais, con Empty

V I B R A N C E + Freq é unha posta audiovisual composta pola unión dunha exquisita selección de fotografías mesturadas con unha posta en directo de música electrónica de corte ambient, ambos, visuais e audio, xerados por ordenador polo artista E M P T Y.

Esta peza, ademais, terá lugar nun espazo mítico da cidade, a librería Souto. Será o sábado, ás 13.30 horas!

Anxela Gracián e a memoria

Que contentas estamos de contar nesta edición coa escritora luguesa Anxela Gracián! Cando a terra foi luz será o título da súa lectura poética, o sábado ás 16.30 na Praza do Cantiño. A terra e a memoria, coma sempre, entrelazadas na súa voz, para lembrar o que cómpre ser lembrado.

A cita obrigada cos Palimoquiños

Os Palimoquiños non fallan no Festival Cartografía en Movemento. Un ano máis, esta edición contará coa súa presenza nun espazo xa por el@s moitas veces danzado, sentado, movido, interpretado: a Praza Maior. Alí estarán o sábado ás 13 horas coa súa peza Romeo pode ser unha roca e Xulieta un mapa. O único que lles interesa, disque, é amar.

O Mapa da compañía Glovo

Mapas de otros cuerpos

Intercepta la línea

Continúa, estás dentro

No temas, la Naturaleza aborrece el vacío

Como olas del océano queriendo ser océano

Así somos

Continúa

Sígueme

Yo te sigo

Así presentan Esther Latorre e Hugo Pereira, integrantes de Glovo, unha peza que xorde para eles como unha necesidade de investigación do movimiento basada no drama dos refuxiados e no mundo das fronteiras. Esta distancia, real e hipotética, sitúa aos dous intérpretes nunha relación de aproximación e afastamento, de poder e de sublevación, declarando unha premisa común: “a imposibilidade da fronteira con nós mesmos”.

Mapa obtivo o primeiro premio en Bailando con Piedras, Certamen Internacional de Coreografía Burgos-NY, 2019; a mención Especial en Danza Inunda Santander de La Espiral Contemporánea, Santander, 2019; e foi premiada no Festival Sólodos En Danza Ourense 2016.

Para coñecer o vídeo de presentación desta peza, preme aquí.

O Voo de Anxela Blanco

para construír un universo truncado tan só precisamos 25 barras de madeira ou metal

VOO é a peza de danza e acrobacia para rúa que a bailarina Anxela Blanco traerá ao Festival Cartografía en Movemento, o vernres 27 ás 19.00 horas na Praza de Santa María.

Unha criatura xeométrica que supón a quinta creación desta artista, para a que contou coa asistencia na dirección de Caterina Varela, escenografía de Víctor González García-Echave (sistema Palitroques), e que agradece a colaboración de Krah, Germán Díaz e Quique Peón.

Neste enlace poderedes saber máis do seu Voo, grazas á fotografía e video de Grismedio Studio (Rubén e Inma Vilanova)

Anxela Blanco é un alto paxaro. Navega lonxe. Non vola perdades!

Tensar o instante con Kirenia Martínez

Cada momento é dous momentos.
Pero en que momento a madeira se converte en pedra, a turba en carbón, a pedra caliza en mármore?

A bailarina Kirenia C. Martínez Acosta lánzanos esta idea en relación á súa actuación no Festival Cartografía en Movemento, o venres 27 ás 20.00 horas na Porta de Santiago. As relacións entre o corpo, a memoria e o espazo son a base da investigación que esta artista desenvolveu o pasado mes de agosto en Satriano e Matera (Italia) a través do programa de mobilidade europea i-Portunus, e que terán o seu eco na nosa cidade.

Kirenia C. Martínez Acosta comeza a súa formación en danza aos 13 anos en Cienfuegos, que completa con estudos de actuación na Escola Nacional de Arte de La Habana (1997-2000). Xira internacionalmente coa compañía “Danza Teatro Retazos”, ata que en 2003 se traslada a España. Afincada en Galicia funda na Coruña a compañía “Entremans” e participa como bailarina no Centro Coreográfico Galego (CCG). Na actualidade codirixe o Festival de Danza na Rúa “Quincegotas” na cidade da Coruña.

Non vos perdades a súa danza magmática e xeolóxica, nin a oportunidade de situarnos canda ela no borde onde os corpos saltan no seu devir.

Fotografía de Vaina Cauzillo

Xa temos 8ª constelación! Cartel final de Cartografía en movemento 2019

E por fin chegou o momento que tanto esperábamos, ver brilar a nosa constelación 8. Agora só nos queda visitar cada unha das estrelas o 28 de setembro.

Non perdas a oportunidade de descubrir a cidade dunha forma diferente, agardámoste.

Podes descargar o mapa das actuacións do 28 de setembro no seguinte enlace: https://drive.google.com/open?id=1iEtPZgmImgZeEfmMyf-Yequu3Z0ZpjkH&usp=sharing

%d bloggers like this: