CONVOCATORIA CARTOGRAFÍA EN MOVEMENTO X

O salvaxe volve ás rúas. Despois de dous anos difíciles, onde tamén se viu afectada a nosa capacidade de encontro, o Festival Cartografía en Movemento chega á súa décima edición con ganas de danzar, de cantar, de darlle a volta ao espazo, de recuperar os camiños inesperados e salvaxes que as artes traen consigo. 

Dez anos levamos mudando os espazos da cidade, facendo deles lugares bailables, escenarios teatrais, recantos cheos de poesía ou puntos de intervención plástica ou performativa. Eses espazos -transitados ou non; céntricos ou periféricos; prazas, recunchos, calellas ou rotondas-, interpelados como lugares de intervención artística, forman cada ano un itinerario que quere cambiar as inercias do espazo urbano e introducir nel inesperado, o asombro, o salvaxe.

Os vindeiros 23 e 24 de outubro queremos cambiar de novo o mapa da cidade, bailalo, pintalo, dicilo doutro modo, facelo saír de si. Invitámosvos, para a xornada do 24, A alma de Cartografía, a ser salvaxes connosco, a facer voso algún espazo da cidade, a medir co corpo a auga da fonte, chamar á porta dos muros encalados, ler cartas de amor ridículas ou inventar posturas para durmir nun banco. Calquera linguaxe artística é válida para presentar unha peza breve (de non máis de 15 minutos) que sexa froito dese encontro co lugar. E deste encontro, á súa vez, xurdirán outros coas persoas que nos atopen, que nos sorprendan ou que nos acompañen cun mapa na man. Xuntas, artistas e espazos, observadores e itinerarios, danzaremos,  seremos salvaxes.

Todo o mundo é benvido, así que, sexas amateur, profesional ou curiosa animámoste a cartografar o salvaxe da cidade e a sucar os seus espazos co teu corpo.

A participación en Cartografía en Movemento non ten ningunha retribución económica. Cada artista/grupo poderá facer uso dun equipo de son. Podemos ofrecer unha pequena axuda para os desprazamentos para aquelas persoas que vos acheguedes dende fóra de Lugo e todasas participantes estarán convidadas a un xantar. 

A data límite de recepción de propostas será o día 15 de outubro

No caso de que as recibidas superen o número posible programable, acoutarase o número seguindo a orde de inscrición.

Envíanos o teu proxecto enchendo o formulario que se enlaza a continuación: https://docs.google.com/forms/d/13ZeejpaO5WtEslAiTNTPGmAyG72j-Vm6e9lsZ93AGCo/viewform?edit_requested=true

Se tes algunha dúbida contacta connosco a través do mail da asociación: info3monos@gmail.com

Anímate a participar e vén celebrar connosco X anos de Cartografía! De paixón, de xaropes, de ximnastas, de xúbilo, de xogo, de cóxegas, de xílgaros, de xabaríns, de xestas, de toxos e de todas as xes como liñas que se xuntan.

3Monos estamos especialmente felices este ano por poder ter ao noso lado na organización aos marabillosos Colectivo Glovo e un ano máis contamos coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

“Iceberg” de Beatriz Pérez

Peza inspirada na metáfora do iceberg, aquelas cousas que ante os nosos ollos aparecen baixo unha forma e no seu interior son totalmente distintas ó que se espera.

De aquelo que se esnaquizou quédanos unha pegañenta melancolía do que foi. Ese pedazo que queda en solitario esvaécese ou atesourase.

Peza de danza contemporánea creada por Ana Beatriz Pérez

Iceberg’ de Beatriz Pérez poderá verse dentro da sección +cartografía o domingo de 13:00 a 14:00 xunto coa peza de Paula Quintas, ‘SET’ no Mercado Quiroga Ballesteros.

+INFO

RESERVA DE ENTRADAS NO 010 OU QUINCE MINUTOS ANTES NO LUGAR DA ACTUACIÓN (Mercado Quiroga Ballesteros)

AFORO: 60 PERSOAS

Participa na experiencia colectiva “A alma de Cartografía”

Sábado 31, 19:00: A alma de Cartografía.
Como? Como mantemos a alma de Cartografía hoxe? Como mantemos a alma de Cartografía nun único lugar? Como a mantemos se temos que estar a distancia? Como? Como? Como?
Isto non é unha actuación, é unha proposta para unha experiencia. Non hai público nin hai intérpretes, só un espazo compartido. Cada un ve o que quere, ou o que pode dependendo de onde estea o seu espazo. É unha experiencia anónima. Mesmo nesta situación na que nos atopamos, podemos achar espazos de liberdade e decisión.
Que como mantemos a alma de Cartografía? Pois mantémola se te achegas connosco a vivir esa experiencia colectiva que terá lugar un día (o sábado 31) a unha hora (19:00) nun espazo compartido da cidade (os baixos da praza de Abastos). Porque esa é -estarmos xuntos, cos nosos corpos, na cidade- a esencia, a alma de Cartogafía.
Dende 3 monos propoñemos vivir unha experiencia participativa nun espazo seguro no que o movemento, a liberdade e a capacidade de decisión -moverse, mirar a un lado ou a outro, estar quedo, dar as costas ou saltar- serán os elementos que nos permitan cartografar a cidade este ano.
Se queres participar nesta experiencia enche o formulario que presentamos a continuación, xa que o número de participantes está limitado por aforo. Anímate a ser parte de Cartografía 2020 e #nunca deixes de bailar!
https://forms.gle/Xu3GUvHjfeY922DU7

Cartografía 2020

Nunca deixes de bailar. Ese é o lema para a novena edición de Cartografía en Movemento, que a cidade de Lugo acollerá a última semana de outubro, un lema para lembrar tamén neste momento incerto que vivimos. Semella que as circunstancias desafían a concepción mesma dun festival que tivo sempre por fin o de desautomatizar a nosa relación cos espazos da cidade a través das artes. Aínda así, dicímolo: nunca deixes de bailar. Máis cá nunca, dicímolo: son necesarios os corpos que dancen, os que aínda de lonxe poden tocarnos, axitarnos, movernos, atravesarnos.

Precisamente por iso, porque non imos deixar de bailar, presentamos o programa desta novena edición na que cambian algunhas formas, pero onde se mantén o fondo. Así, este ano acótanse os espazos pero mantense o contacto coa cidade. Tomaremos o Mercado Quiroga Ballesteros para ver pezas de artistas como Paula Quintas e Rebeca Carrera e achegarémonos á Casa do Saber para a presentación do libro El público está aquí, de Sabela Mendoza. Este ano, debido á situación actual, non se recibirán propostas abertas de intervención na cidade, pero atoparemos lugares de encontro non só como público, senón tamén como corpos en danza tanto no taller de Body Weather impartido por Andrés Corchero como na proposta do sábado pola tarde, na que latexa a alma de Cartografía. Nos próximos días iremos aportando máis información, así que estade atentos ás redes. Este ano, máis que nunca, “bailemos, bailemos, se non estamos perdidos” (Pina Bausch).

Chirlomerlos, a peza de 3monos

Nesta edición do festival, nós, 3 monos, rendimos unha homenaxe danzada aos nosos queridos chirlomerlos, que xa a piques están de tinguir de negro o ceo do outono. Será ás 20.00 horas do sábado no adro da catedral.

O frío é unha man que nos empuxa. Así, en setembro, deixamos as avenidas arboladas de Londres e París… e vimos a Lugo. Somos chirlomerlos pintos, traemos manchas brancas coma pingas de neve, temos unha brúxula dentro do corpo e sabemos que no ar hai camiños. O noso conduce ao parque de Rosalía, aos pradairos entrelazados, aos magnolios xa sen flor. Alí nos xuntamos cos estorniños negros, porque nos gusta durmir quentes e porque xuntos formamos outra noite. Unha noite que se chama bandada. Unha noite que se move en pleno día para asustar aos falcóns e gabiáns e para facer milagres nos ollos humanos.

Foto de Rafa Mallo

Cyan, con Cris Vilariño

O sábado ás 19.30 horas o Festival Cartografía en Movemento acollerá unha mostra do proceso creativo no que están mergullados Cris Vilariño e Diego Buceta. Esta creación, que os dous comparten e na que Cris Vilariño será a intérprete, terá como escenario a muralla, á altura da Porta de Santiago. O seu título é Cyan, e dela sabemos que nace do fascinio das nubes a moverse, dese contacto entre o azul e o branco no que todas, algunha vez, quixemos entrar… de estar nas nubes.

Para presentarla, remítennos a este maravilloso poema de Wislawa Szymborska:

Con la descripción de las nubes

debería darme mucha prisa,

en una milésima de segundo

dejan de ser ésas y empiezan a ser otras.

Es propio de ellas

no repetirse nunca

en formas, matices, posturas y orden.

Sin la carga de ningún recuerdo

se elevan sin problemas sobre los hechos.

¡De qué van a ser testigos!,

en un segundo se disipan en todas direcciones.

Comparada con las nubes

la vida parece tener los pies sobre la tierra,

se diría que es inmutable y prácticamente eterna.

Frente a las nubes

hasta una piedra parece un hermano

en el que se puede confiar

y las nubes, nada, primas lejanas y frívolas.

Que exista la gente si quiere,

y después que se mueran uno tras otro,

poco les importa a las nubes

esas cosas

tan extrañas.

Sobre toda tu vida

y también sobre la mía, aún incompleta,

desfilan pomposas igual que desfilaban.

No tienen la obligación de morir con nosotros.

No necesitan ser vistas para poder pasar.

%d bloggers like this: