Interludio

Título: Interludio

Artista: Colectivo 3Monos e amigos

Lugar: Parque de Rosalía

Hora: 17:45

Sinopse:

O ser humano é o único asceta da vida, dicía o filósofo. Buscamos, dentro da vida, un lugar onde descansar, un negativo onde poder parar o mundo. Constantemente fracasamos, movidas polo mesmo frenesí do que fuximos: non hai lugar. Non.

O interludio non é o silencio. Sabendo que a pausa é necesaria entre as partes dunha peza musical, ou as escenas dunha ópera, pero sabendo que nada para no mundo, o interludio propón outro ritmo: descansar en movemento.
De inter, entre, e ludere, xogo ou práctica, a palabra Interludio remítenos á idea de xogar no medio, ou xogar a ratos; a abrir, onde quer que sexa, un espazo de xogo.

E que entendemos nós, como xogo? A folla que se prende no vestido. O abalo das herbas que agroman nunha esquina da rúa. A última luz no alto dun edificio. Todo iso que se move cando paramos un pouco, coma o poeta: “Quédate quieto y observa cómo se mueve el mundo”.

Non somos ascetas: queremos xogar. E se falamos de parar, e só coma quen se prepara para dar o salto de montarse en todo o que rápido fuga, no palpebrar do intre.

interludio

Cartografía en movemento 2016//convocatoria aberta

cartografia.cartel 1

Un ano máis enchemos as rúas de Lugo de arte. O 24 de setembro terá lugar a v edición de Cartografía en movemento.

Ensoñamentos

Cartografía en Movemento é cantar ópera debaixo dun arco da muralla. Facer un playback na praza de Santa María. Levar unha nube prendida a unha escaleira. Gritar cartas de amor. Vendarse os ollos. Lanzar leitugas polos aires. Escribir no chan. Regar un paraugas no Cantiño. Comer as flores do mercado. Bailar swing. Derreterse na parede. Amar a un bebé na pérgola do parque de Rosalía. Lavar a roupa na Tinería. Bailar contra as torres do Garañón. Si, Cartografía en Movemento cumpre 5 anos, e xa non hai mellor maneira de dicir o que é que lembrar todo o que nela aconteceu. Porque todo o que nela aconteceu tamén nos fixo mudar a nosa idea da cidade. Diso se trata.

Para quen non o saiba aínda, Cartografía en Movemento é un festival que ten como motor a posibilidade de descubrir os espazos que habitamos a través das artes escénicas. “Cada existencia define unha xeografía e un país: cada individuo é un individuo xeográfico. Diremos, entón, que hai un combate, máis ou menos sereno, entre a tentativa sutil de impoñer un mapa colectivo, e dou outro lado, a ansiedade e o desexo dun mapa egoísta”, di o escritor portugués Gonçalo M. Tavares, no seu Atlas do Corpo e da Imaginação.

Cartografía en Movemento trata precisamente disto: de crear, nese día, un mapa egoísta. Por iso dicimos ‘descubrir’. Porque en cada recuncho existen milleiros de posibilidades de explorar, de diálogos a establecer. En cada lugar, existe outro lugar que coincide máis connosco. Ese é o que queremos compartir. Por iso, o único requisito é descubrir. Que a peza naza como froito desa descuberta. Dese lugar. Dese mapa egoísta que, por un día, tamén será noso.

Se che apetece participar ponte en contacto con nós a través de e-mail: info3monos@gmail.com

Data límite 8 de septembro