Cartografía 2016

Ensoñamentos

Cartografía en Movemento é cantar ópera debaixo dun arco da muralla. Facer un playback na praza de Santa María. Levar unha nube prendida a unha escaleira. Gritar cartas de amor. Vendarse os ollos. Lanzar leitugas polos aires. Escribir no chan. Regar un paraugas no Cantiño. Comer as flores do mercado. Bailar swing. Derreterse na parede. Amar a un bebé na pérgola do parque de Rosalía. Lavar a roupa na Tinería. Bailar contra as torres do Garañón. Si, Cartografía en Movemento cumpre 5 anos, e xa non hai mellor maneira de dicir o que é que lembrar todo o que nela aconteceu. Porque todo o que nela aconteceu tamén nos fixo mudar a nosa idea da cidade. Diso se trata.

Para quen non o saiba aínda, Cartografía en Movemento é un festival que ten como motor a posibilidade de descubrir os espazos que habitamos a través das artes escénicas. “Cada existencia define unha xeografía e un país: cada individuo é un individuo xeográfico. Diremos, entón, que hai un combate, máis ou menos sereno, entre a tentativa sutil de impoñer un mapa colectivo, e dou outro lado, a ansiedade e o desexo dun mapa egoísta”, di o escritor portugués Gonçalo M. Tavares, no seu Atlas do Corpo e da Imaginação.

Cartografía en Movemento trata precisamente disto: de crear, nese día, un mapa egoísta. Por iso dicimos ‘descubrir’. Porque en cada recuncho existen milleiros de posibilidades de explorar, de diálogos a establecer. En cada lugar, existe outro lugar que coincide máis connosco. Ese é o que queremos compartir. Por iso, o único requisito é descubrir. Que a peza naza como froito desa descuberta. Dese lugar. Dese mapa egoísta que, por un día, tamén será noso.


Reportaxe_Pepe Saavedra

MANIFESTO POLO SONO PÚBLICO_ Nieves Neira

– Olla, agora, ese home que durme no banco. Tamén o interior é obsceno, pero dun lado oposto á obscenidade. Porque, quen durme nun lugar público está invertindo a orde da realidade. Está, neste espazo, moi lonxe deste espazo. Tal vez atenta contra o capitalismo, e por iso non está permitido durmir en espazos públicos. Só se lles permite ós mendigos, ós que xa están fóra hai moito tempo. Ós que xa están estéticamente fóra.

– Pensemos cantas veces nos entrou o sono no traballo. E non por saír á noite anterior, senón porque o sono é algo que entra. Moitas veces. E baixamos a tomar un café. Coma se fora o binomio máis natural do mundo. Sono-café.

Ou un día que sáimos de paseo polo Miño. E había un recuncho de sol na herba. E tiñamos tanto sono. Pero iamos sós. E unha soa non se atreve a durmir. É que durmir é tan perigoso.

Ou no aeroporto. Para darlle vía libre ó sono hai que ocupar tres asentos. E custa tanto facelo, atreverse a durmir, que parece que na nosa horizontalidade virara un eixo do mundo.

– Agora, cando penso en todas estas situacións, teño mágoa daqueles momentos que perdín. Daqueles que non me permitín vivir. Microfísica dos micromentos. O corpo debruzado sobre a mesa do café. Porque vivo nun mundo onde o corpo ten que seguir funcionando. Por que no respaldo do Freire si e non cinco minutos na mesa do traballo? Porque vivo nun mundo onde é máis sospetitoso un corpo que durme que un corpo que leva uniforme e pistola. O corpo unha tarde de outono no banco e as raiolas na carne. Porque vivo nun mundo onde non se pode ver un corpo. O interior dun corpo. Porque o interior atenta.

Pola defensa do sono público. Pola inclusión do sono público nos programas electorais. Porque queremos durmir tranquilas onde nos pete . Se tes sono, firma aquí. Se tes soños, tamén.

%d bloggers like this: