O festival Cartografía en Movemento, da man da asociación 3monos, chega a súa iii edición e volve co mesmo obxectivo co que iniciou a súa andadura: descubrir e reinventar os espazos da nosa cidade a través de propostas escénicas que se xeneren dialogando cos diferentes lugares. Tamén un ano máis, queremos abrir á participación ós: artistas amateurs, artistas profesionais, cidadáns-artistas, cidadáns en resumo, que sen máis obxetivo queiran deixar voar o seu imaxinario e crear unha proposta artística de calquera disciplina (poesía, música, canto, danza, teatro, performance, video, etc) nun recuncho da cidade.
Non queremos que sexa un festival ó uso, queremos que sexa un día compartido por todos, así que vos animamos a todo aquel que lle apeteza ter a cidade como escenario por un día a contactar con nós e explicarnos a súa proposta.
Queremos que ó longo do día a nosa cidade se encha de movemento e imaxinación. Alguén pode saír da súa casa danzando un longo bolero ou percorrer rúas co corpo pegado ás paredes. Alguén pode vestirse dunha personaxe todo o día, subirse nun avión de papel, lavar as rúas cunha fregona, facer música ou recitar poemas a todos os nenos que se cruce, pintar un cadro en movemento ou esculpir as formas da cidade. As alternativas son infinitas e abertas á improvisación.
Saquemos o xenio creador que levamos dentro para transformar a nosa cidade, abramos o asfalto á arte, que os camiños e percorridos que facemos todos os días, están abertos ao cambio e á sorpresa, ao asombro e á improvisación. Arte en movemento, en contacto, en conflito, en diálogo, en xogo, en pracer… Arte desubicado para facer da cidade unha sorpresa.
O día elixido para realizar o proxecto é o Sábado 27 de Setembro.
O último día para presentar as propostas é o mércores 11 de Setembro, co obxectivo de poder organizar as licencias e os carteis. Pouco despois, farase unha reunión con todos os participantes para concretar e aclarar calquer tema ou pregunta que poida xurdir.
O proxecto pode medrar e mudar en función das diferentes propostas coas que nos atopemos e da dispoñibilidade de cada persoa ou grupo.
Queremos que esta mensaxe chegue a todas as persoas que queiran participar. Se coñecedes a alguén que poida estar interesado, pregámosvos que lle fagades chegar esta información.
Da mesma maneira estamos dispostos a resolver calquera dúbida ou consulta que poida xurdir en torno ás propostas e á definición do proxecto. Calquera proposta ou duda será benvida.
Para contactar connosco: cartografiaenmovemento@gmail.com ou info3monos@gmail.com , tamén a través do grupo de facebook: https://www.facebook.com/groups/cartografiademovemento ou no Blog 3MONOS: http://3monosblog.wordpress.com/
Animámosvos a transformar a nosa cidade por un día.
Like this:
Like Loading...