CONVOCATORIA CARTOGRAFÍA EN MOVEMENTO X

O salvaxe volve ás rúas. Despois de dous anos difíciles, onde tamén se viu afectada a nosa capacidade de encontro, o Festival Cartografía en Movemento chega á súa décima edición con ganas de danzar, de cantar, de darlle a volta ao espazo, de recuperar os camiños inesperados e salvaxes que as artes traen consigo. 

Dez anos levamos mudando os espazos da cidade, facendo deles lugares bailables, escenarios teatrais, recantos cheos de poesía ou puntos de intervención plástica ou performativa. Eses espazos -transitados ou non; céntricos ou periféricos; prazas, recunchos, calellas ou rotondas-, interpelados como lugares de intervención artística, forman cada ano un itinerario que quere cambiar as inercias do espazo urbano e introducir nel inesperado, o asombro, o salvaxe.

Os vindeiros 23 e 24 de outubro queremos cambiar de novo o mapa da cidade, bailalo, pintalo, dicilo doutro modo, facelo saír de si. Invitámosvos, para a xornada do 24, A alma de Cartografía, a ser salvaxes connosco, a facer voso algún espazo da cidade, a medir co corpo a auga da fonte, chamar á porta dos muros encalados, ler cartas de amor ridículas ou inventar posturas para durmir nun banco. Calquera linguaxe artística é válida para presentar unha peza breve (de non máis de 15 minutos) que sexa froito dese encontro co lugar. E deste encontro, á súa vez, xurdirán outros coas persoas que nos atopen, que nos sorprendan ou que nos acompañen cun mapa na man. Xuntas, artistas e espazos, observadores e itinerarios, danzaremos,  seremos salvaxes.

Todo o mundo é benvido, así que, sexas amateur, profesional ou curiosa animámoste a cartografar o salvaxe da cidade e a sucar os seus espazos co teu corpo.

A participación en Cartografía en Movemento non ten ningunha retribución económica. Cada artista/grupo poderá facer uso dun equipo de son. Podemos ofrecer unha pequena axuda para os desprazamentos para aquelas persoas que vos acheguedes dende fóra de Lugo e todasas participantes estarán convidadas a un xantar. 

A data límite de recepción de propostas será o día 15 de outubro

No caso de que as recibidas superen o número posible programable, acoutarase o número seguindo a orde de inscrición.

Envíanos o teu proxecto enchendo o formulario que se enlaza a continuación: https://docs.google.com/forms/d/13ZeejpaO5WtEslAiTNTPGmAyG72j-Vm6e9lsZ93AGCo/viewform?edit_requested=true

Se tes algunha dúbida contacta connosco a través do mail da asociación: info3monos@gmail.com

Anímate a participar e vén celebrar connosco X anos de Cartografía! De paixón, de xaropes, de ximnastas, de xúbilo, de xogo, de cóxegas, de xílgaros, de xabaríns, de xestas, de toxos e de todas as xes como liñas que se xuntan.

3Monos estamos especialmente felices este ano por poder ter ao noso lado na organización aos marabillosos Colectivo Glovo e un ano máis contamos coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s

%d bloggers like this: