Nunca deixes de bailar. Ese é o lema para a novena edición de Cartografía en Movemento, que a cidade de Lugo acollerá a última semana de outubro, un lema para lembrar tamén neste momento incerto que vivimos. Semella que as circunstancias desafían a concepción mesma dun festival que tivo sempre por fin o de desautomatizar a nosa relación cos espazos da cidade a través das artes. Aínda así, dicímolo: nunca deixes de bailar. Máis cá nunca, dicímolo: son necesarios os corpos que dancen, os que aínda de lonxe poden tocarnos, axitarnos, movernos, atravesarnos.
Precisamente por iso, porque non imos deixar de bailar, presentamos o programa desta novena edición na que cambian algunhas formas, pero onde se mantén o fondo. Así, este ano acótanse os espazos pero mantense o contacto coa cidade. Tomaremos o Mercado Quiroga Ballesteros para ver pezas de artistas como Paula Quintas e Rebeca Carrera e achegarémonos á Casa do Saber para a presentación do libro El público está aquí, de Sabela Mendoza. Este ano, debido á situación actual, non se recibirán propostas abertas de intervención na cidade, pero atoparemos lugares de encontro non só como público, senón tamén como corpos en danza tanto no taller de Body Weather impartido por Andrés Corchero como na proposta do sábado pola tarde, na que latexa a alma de Cartografía. Nos próximos días iremos aportando máis información, así que estade atentos ás redes. Este ano, máis que nunca, “bailemos, bailemos, se non estamos perdidos” (Pina Bausch).
