Nesta edición do festival, nós, 3 monos, rendimos unha homenaxe danzada aos nosos queridos chirlomerlos, que xa a piques están de tinguir de negro o ceo do outono. Será ás 20.00 horas do sábado no adro da catedral.
O frío é unha man que nos empuxa. Así, en setembro, deixamos as avenidas arboladas de Londres e París… e vimos a Lugo. Somos chirlomerlos pintos, traemos manchas brancas coma pingas de neve, temos unha brúxula dentro do corpo e sabemos que no ar hai camiños. O noso conduce ao parque de Rosalía, aos pradairos entrelazados, aos magnolios xa sen flor. Alí nos xuntamos cos estorniños negros, porque nos gusta durmir quentes e porque xuntos formamos outra noite. Unha noite que se chama bandada. Unha noite que se move en pleno día para asustar aos falcóns e gabiáns e para facer milagres nos ollos humanos.
