Un ano máis enchemos as rúas de Lugo de arte. O 24 de setembro terá lugar a v edición de Cartografía en movemento.
Ensoñamentos
Cartografía en Movemento é cantar ópera debaixo dun arco da muralla. Facer un playback na praza de Santa María. Levar unha nube prendida a unha escaleira. Gritar cartas de amor. Vendarse os ollos. Lanzar leitugas polos aires. Escribir no chan. Regar un paraugas no Cantiño. Comer as flores do mercado. Bailar swing. Derreterse na parede. Amar a un bebé na pérgola do parque de Rosalía. Lavar a roupa na Tinería. Bailar contra as torres do Garañón. Si, Cartografía en Movemento cumpre 5 anos, e xa non hai mellor maneira de dicir o que é que lembrar todo o que nela aconteceu. Porque todo o que nela aconteceu tamén nos fixo mudar a nosa idea da cidade. Diso se trata.
Para quen non o saiba aínda, Cartografía en Movemento é un festival que ten como motor a posibilidade de descubrir os espazos que habitamos a través das artes escénicas. “Cada existencia define unha xeografía e un país: cada individuo é un individuo xeográfico. Diremos, entón, que hai un combate, máis ou menos sereno, entre a tentativa sutil de impoñer un mapa colectivo, e dou outro lado, a ansiedade e o desexo dun mapa egoísta”, di o escritor portugués Gonçalo M. Tavares, no seu Atlas do Corpo e da Imaginação.
Cartografía en Movemento trata precisamente disto: de crear, nese día, un mapa egoísta. Por iso dicimos ‘descubrir’. Porque en cada recuncho existen milleiros de posibilidades de explorar, de diálogos a establecer. En cada lugar, existe outro lugar que coincide máis connosco. Ese é o que queremos compartir. Por iso, o único requisito é descubrir. Que a peza naza como froito desa descuberta. Dese lugar. Dese mapa egoísta que, por un día, tamén será noso.
Se che apetece participar ponte en contacto con nós a través de e-mail: info3monos@gmail.com
Data límite 8 de septembro